Logotipo do Consello Galego de Colexios de Economistas
Zona Privada
usuario:
Contraseña:
emprégate!
Directorio de colexiados
Enquisas

Non hai enquisas.

PRENSENTACIÓN BARÓMETRO DE ECONOMÍA 2º SEMESTRE 2014

Fonte: Colexio de Economistas de Ourense

27/01/2015

Nova: PRENSENTACIÓN BARÓMETRO DE ECONOMÍA 2º SEMESTRE 2014

O 76% dos economistas galegos considera que os casos de corrupción lastran o crecemento económico

·        Un de catro profesionais enquisados percibe unha melloría na situación da economía galega

·        A maioría dos colexiados indica que o mercado de crédito “segue sendo moi escaso”

·        O paro (69%) e a escaseza de crédito (54%) continúan sendo as maiores preocupacións para o sector

Ourense, 27 de xaneiro de 2015.- O 76% dos economistas galegos considera que os casos de corrupción inciden negativamente na recuperación económica do país. Este dato despréndese dos resultados do  “Barómetro de Economía” realizado polo Consello Galego de Economistas correspondente ao segundo semestre de 2014.

O Barómetro de Economía é promovido desde o pasado ano polo Consello Galego de Economistas, órgano que aglutina ao catro colexios provinciais, co obxecto de abordar o escenario económico a nivel rexional.

 

Os datos extraídos do Barómetro do segundo semestre de 2014 foron presentados esta mañá en Ourense polo director da publicación e vicedecano do Colexio de Economistas da Coruña, Venancio Salcines, e pola directora do estudo, María Jesús Freire Seoane, profesora titular do departamento de Análise Económica na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade da Coruña. Ao acto tamén asistiu o presidente do Consello e decano do Colexio de Economistas da Coruña, Miguel Vázquez Taín, e  o decano do Colexio de Economistas de Ourense, Guillermo Dez, quen exerceu de anfitrión.

 

Os responsables do informe solicitaron aos profesionais entrevistados que valorasen a situación económica galega, provincial e española. Os resultados mostran un cambio de tendencia cara a unha percepción máis positiva sobre o futuro económico. O 24% dos colexiados cualifica de mellor “” a situación económica galega, mentres que un 48% considera que permanece “igual”. Cabe resaltar o descenso drástico do número de profesionais (27%) que percibe “peor” o actual contexto económico, sendo a porcentaxe máis baixa desde o 2010.  Os colexiados da Coruña e Lugo son os máis pesimistas (32% e 28%, respectivamente) mentres que os de Pontevedra e Ourense manifestan que a economía galega está mellor (26%).

 

As economías provinciais da Coruña e Pontevedra son as mellores puntuadas, por encima da rexional e nacional, cunha cualificación de 5 sobre 10, seguida de Galicia e España cun 4'9. A provincia de Ourense é a peor valorada, cun 4,5.

 

A percepción do contexto actual segundo o sector de ocupación dos profesionais entrevistados manifesta que os que perciben como mellor a situación actual da economía galega son a traballadores banca/seguros, co 40%. Os que teñen a visión máis pesimista son os traballadores de consultoría/asesoría (29,44 %) e os doutros servizos (28,81%).

 

No apartado de problemas actuais, o paro segue sendo o máis importante para o 69% dos economistas galegos, seguido pola escaseza de crédito (54%) e a inadecuada dimensión da estrutura das empresas galegas (48%). A “debilidade na demanda interna/externa” que os entrevistados sinalaban anteriormente como o terceiro problema da economía de Galicia foi desbancado pola “inadecuada dimensión da estrutura das empresas galegas”, que se consolida como problema moi importante para o crecemento económico, equiparado nos seus efectos á “escaseza de crédito”.

 

Entre as accións máis necesarias para o fomento do emprego, a maioría dos enquisados reclama a esixencia de mellorar o sistema educativo (medida puntuada cun 8,5 sobre 10). Tamén avogan por captar investimento estranxeiro (8,1 sobre 10); crear novos nichos de emprego (cunha cualificación de 8 sobre 10) e reactivar o sector agrario (6,9 sobre 10). A reactivación do sector da construción e o incremento do emprego público percíbense como medidas pouco necesarias.  

 

O 79% dos economistas opina que o goberno debería garantir un prezo competitivo da enerxía a Megasa e Alcoa

O último bloque do estudo recolle a opinión dos enquisados con respecto a temas relacionados coa actualidade. Nesta ocasión cuestionouse o mercado de crédito, o problema demográfico, a corrupción e a situación crítica das empresas con gran demanda enerxética, como Megasa ou Alcoa.

  

O 48% dos enquisados afirma que as liñas de crédito son aínda escasas. Un 26,4% declara que se nota unha leve melloría e, por último, un 22,2% indica que non observa ningunha evolución na apertura do crédito a familias e a empresas. Os colexiados de Lugo (31,8%) e os da Coruña (30,2%) son os que teñen unha percepción máis favorable sobre a mellora en materia de financiamento.  

 

Con respecto á influencia dos casos de corrupción na recuperación económica, o 76% de economistas entrevistados considera que está a lastrar o crecemento español, mentres que só o 18,04% indica que ten certa importancia no clima social pero que non afecta á recuperación económica. A opinión de que a corrupción efectivamente está a lastrar dun modo importante o crecemento alcanza o valor máximo entre os profesionais da Coruña (40,96%), seguida polos de Lugo (31,75%), Ourense (25%) e Pontevedra (22,06%).

 

Sobre se a demografía é o maior problema económico de Galicia, o 60,8% opina que é un problema importante pero non o principal, sendo os economistas da provincia de Lugo os que perciben esta cuestión como especialmente perentoria.

 

Por último, o 79,42% dos entrevistados indica que o goberno debería garantir un prezo competitivo enerxético a empresas como Megasa ou Alcoa. Destaca a opinión dos economistas da Coruña (20,11%) que declaran que o goberno debería garantirlles enerxía a prezos competitivos a nivel internacional, aínda que isto supuxese un custo para a administración.

 

A información utilizada na redacción do Barómetro de Economía do segundo semestre de 2014 procede das respostas dos economistas ao cuestionario realizado durante a segunda quincena de decembro de 2014, e das obtidas nos barómetros anteriores. A mostra deseñouse de forma aleatoria, estratificada e proporcional á poboación obxecto de estudo seguindo as técnicas de mostraxe habituais. Unha vez obtidos diversos tamaños muestrales, seleccionouse aquel con un nivel de confianza e precisión aceptable para cada unha das preguntas consideradas. A mostra final obtida foi de 189 entrevistados da Coruña, 63 de Lugo, 64 de Ourense e 136 de Pontevedra (452 enquisas realizadas). O nivel de confianza é do 98% e, a marxe de erro aceptado é do +/- 2%.

 

 

 

 

 

Copyright, Aviso Legal, Política de privacidade e Accesibilidade