Logotipo do Consello Galego de Colexios de Economistas
Zona Privada
usuario:
Contraseña:
emprégate!
Directorio de colexiados
Enquisas

Non hai enquisas.

O Consello Galego premia ao Grupo Gadisa pola súa contribución ao desenvolvemento económico de Galicia

Fonte: Consello Galego de Economistas

10/02/2020

Nova: O Consello Galego premia ao Grupo Gadisa pola súa contribución ao desenvolvemento económico de Galicia

“Empezamos sendo unha empresa familiar e seguimos sendo unha empresa de familias comprometidas co futuro da súa terra”, indicou Roberto Tojeiro presidente e conselleiro delegado do grupo Gadisa, no discurso que pronunciou tras recoller o Premio Economía, concedido polo Consello Galego de Economistas ao recoñecer a contribución do Grupo Empresarial empresa ao desenvolvemento económico de Galicia.

A cerimonia de entrega tivo lugar o pasado venres, día 7 de febreiro, nas instalacións de Palexco na Coruña, e o galardón foi entregado pola vicepresidenta do Goberno e ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, Nadia Calviño, e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, en presenza do  presidente do Consello, Miguel A. Vázquez Taín, quen exercicio de mestre de cerimonias.

Tojeiro, que agradeceu o recoñecemento en nome dos miles de persoas que desde hai 80 anos fixeron posible o grupo Gadisa, repasou os comezos do grupo nos anos corenta e fixo fincapé no seu ADN: un modelo de crecemento empresarial sustentable, tanto no social, como no ambiental: “Ser sustentables é non concibir o hoxe sen o mañá”.  

Así mesmo, reivindicou a aposta polo local, “creando benestar alí onde estamos. Só uns poucos investimos en que o resultado das caixas galegas fose un banco con sede e estrutura en Galicia. Só uns poucos investimos en que Galicia tivese un desenvolvemento de fibra óptica e tivese unhas infraestruturas en telecomunicacións á altura dos desafíos do século XXI; e loitamos e conseguimos que Galicia teña unhas infraestruturas que lle acheguen independencia e competitividade enerxética en algo tan importante como o gas natural, enerxía limpa e back-up das renovables por excelencia”.

Finalmente, reclamou “as mesmas regras de xogo en España e en Galicia para seguir xerando benestar nesta terra“, porque se non hai as mesmas regras foméntase a desigualdade e penalízase o éxito: “é unha necesidade que todos temos que perseguir”, porque “significa competitividade, sustentabilidade, futuro e un mañá mellor con xustiza e igualdade”.

Pola súa banda, a vicepresidenta Calviño quixo destacar no seu discurso “a contribución á economía galega e á española” de Gadisa, resaltando en particular a aposta pola diversidade e o seu compromiso ambiental e social: “Gadisa e os seus directivos entenderon desde o principio que se trata de pensar no benestar dos seus traballadores, dos seus clientes e do conxunto da sociedade”. Calviño pechou a súa intervención asegurando que “se Galicia leva tanto anos crecendo é grazas ao seu tecido social e ás súas empresas”.

O presidente da Xunta, a continuación, resaltou que a compañía liderada por Roberto Tojeiro erixiuse como un dos principais empleadores de Galicia, con 8.400 postos de traballo, “unha cantidade similar á de Inditex ou PSA”. Continuou o presidente da Xunta pondo en valor que o éxito o de Gadisa “non é nin circunstancial nin esporádico, senón que está baseado en decisións e apostas, a maior parte acertadas". "Gadisa ten fortes raíces nesta terra, notable capacidade exportadora e é un modelo integrado e flexible", finalizou.

O presidente do Consello explicou na súa intervención que o galardón pretende pór en valor aos "actores transcendentais no desenvolvemento da economía de Galicia", e que nesta edición recaeu no Grupo Gadisa pola súa achega sostida ao desenvolvemento de Galicia: “Desenvolveron un modelo de negocio xerador de valor para a sociedade, baseado nunha práctica responsable e de compromiso coas contornas nos que opera, sendo a proximidade, o compromiso e a calidade os seus acenos de identidade”, sinalou nun discurso marcado polo emocionado recordo que Vázquez Taín fixo á figura de Roberto Tojeiro Díaz, fundador do Grupo empresarial.

Distintas personalidades do mundo económico, empresarial e político déronse cita no acto, como Javier Losada de Azpiazu, Delegado do Goberno; Inés Rei García, Alcaldesa do Concello da Coruña; Ethel Vázquez Mourelle, Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade; Diego Calvo Pouso, Vicepresidente do Parlamento de Galicia; ou Valentín González Formoso, Presidente da Deputación Provincial da Coruña. Tamén hico acto de presenza nas instalacións de Palexco o Ex Presidente da Xunta de Galicia, Fernando González Laxe, así como distintos senadores e deputados, representantes da administración autonómica e local, representantes das organizacións empresariais e empresarios e das distintas entidades financeiras e un bo número de colexiados.

Grupo Gadisa, motor de desenvolvemento

Desde hai 80 anos o grupo Gadisa non parou de crecer. Con máis de 1.600 millóns de euros de facturación en 2018 e 8.400 empregos actuais, converteuse no maior xerador de emprego no sector alimentación e nun dos maiores en termos absolutos.

Con capital 100% galego, está presente no sector primario (campos e cultivos forestais) coas empresas Camosa e Xures. No sector transformación (industria madeireira, química, cogeneración enerxética e industria ambiental), desenvolve a súa actividade a través do subgrupo Intasa, e de Forestal do Atlántico e Imegasa. E no sector servizos (enerxía, transportes, inmobiliaria, tecnoloxía e supermercados) a través do subgrupo Reganosa e do subgrupo Transportes; e das empresas Bica 2008, Mountain View, e o máis coñecido subgrupo Gadisa Retail, propietario da cadea de supermercados Gadis. 

A cadea de distribución alimentaria conta con máis dun millón de clientes e é líder do sector no Noroeste español. En 2018 incrementou o seu volume de negocio un 4%, consolidando o seu liderado en Galicia cunha cota de mercado próxima ao 25%.

 

 

Copyright, Aviso Legal, Política de privacidade e Accesibilidade