Logotipo do Consello Galego de Colexios de Economistas
Zona Privada
usuario:
Contraseña:
emprégate!
Directorio de colexiados
Enquisas

Non hai enquisas.

Galicia, entre as Comunidades Autónomas que menos grava as rendas máis baixas

Fonte: Consello Galego de Economistas

24/04/2020

Nova: Galicia, entre as Comunidades Autónomas que menos grava as rendas máis baixas

O Consello Galego de Economistas, xunto cos Colexios de Asturias e Cantabria presentaron  esta mañá o documento técnico Declaración de Renda e Patrimonio, que elabora o Rexistro de Economistas Asesores Fiscais (REAF) –órgano especializado en asesoramento fiscal do Consello Xeral de Economistas– por trixésimo primeiro ano consecutivo, e no que se analizan as novidades estatais e autonómicas desta campaña de declaracións, que neste exercicio vén marcada pola crise do COVID-19. Na comparecencia telemática, o presidente do REAF, Jesús Sanmartín e o vogal do Consello Técnico do REAF, Agustín Fernández, resaltaron as poucas novidades desta campaña, que consisten, por unha banda, no incremento de 12.643 a 14.000 euros do importe máximo dos rendementos do traballo, cando se ten máis dun pagador, para non ter que declarar; e, por outro, nalgúns cambios na xestión do imposto como ter que encher máis datos polos propietarios de inmobles alugados e polos empresarios e profesionais. Tamén se dan 60 recomendacións para que os contribuíntes non cometan erros ou poidan rebaixar a cota a pagar.

No tocante á nosa Comunidade, o presidente do Consello Galego, Miguel Vázquez Taín, destacou que Galicia se volve a situar entre as CCAA cunha fiscalidade máis favorable para os cidadáns coa renda máis baixa. Concretamente, no suposto de rendas brutas do traballo para un contribuínte solteiro/solteira, menor de 65 anos e sen fillos que obtén unicamente rendas do traballo, o importe retido a un residente da nosa Comunidade é de 887,78 euros, no tramo de ata 16.000 euros, fronte aos 1.179,80 euros no caso de Navarra ou os 1.120 euros no caso do País Vasco. No tramo de ata 20.000 euros, un contribuínte galego pagará 2.327,50 euros, fronte aos 2.510,70 euros de Cataluña, os 2.394,10 euros de Aragón ou os 2.382,63 euros das Illas Baleares.

No Imposto sobre o Patrimonio Galicia tamén se sitúa á parte baixa no que a presión fiscal refírese. Deste xeito, un contribuínte cun patrimonio valorado, de acordo coas normas do imposto, en 800.000 euros -en cuxo importe xa non se teñen en conta os 300.000 euros exentos da vivenda habitual- pagará 1.164,37 euros se é aragonés e 1.099,31 se é estremeño, fronte aos 200 euros que terá que tributar un galego.

Así mesmo, a nosa Comunidade, en uso das competencias cedidas, regulou deducións propias na cota íntegra autonómica do IRPF. Entre as máis destacadas, sinalar un aumento do 10% -do 20% ao 30%- na dedución das cantidades investidas durante o exercicio na subscrición de accións ou participacións de sociedades anónimas, limitadas, anónimas laborais ou cooperativas; ou a dedución do 25% (cun límite do 10% da cota íntegra) dos donativos monetarios que se fagan a favor de centros de investigación adscritos a universidades galegas e dos promovidos ou participados pola Comunidade Autónoma de Galicia que teñan por obxecto o fomento da investigación científica e o desenvolvemento e a innovación tecnolóxicos, que neste exercicio amplíase a aqueles donativos realizados a favor de entidades sen ánimo de lucro acollidas á lei 49/2002, a condición de que estas últimas teñan a consideración de organismo de investigación e difusión de coñecementos.

Copyright, Aviso Legal, Política de privacidade e Accesibilidade